top of page

Afonso X, o Sabio:

cronista e protagonista do seu tempo 

Santiago de Compostela

26, 27 e 28 de xuño de 2017

Obxectivos do curso

​

Nestes tempos actuais, nos que a Idade Media está tan de moda, pretendemos ofrecer unha visión real deste período a través dunha figura crucial non só na historia de España, senón no Occidente Europeo.

O curso pretende ofrecer unha panorámica do reinado de Afonso X o Sabio, amosando a súa intervención na historia como rei durante un longo período do século XIII, pero sobre todo, como rei interesado pola cultura do seu tempo e pola promoción desta desde a súa corte, centro neurálxico da produción literaria do momento, tanto en prosa como en verso, tanto en castelán como en galego.

Descrición de contidos

​

Para cumprir cos obxectivos propostos, programouse un curso de carácter xeral, impartido por expertos no seu ámbito de intervención e de demostrada capacidade comunicativa.

No primeiro día, os conferenciantes historiadores debuxarán o contexto histórico e os perfís do reinado de Afonso X, salientando os conflitos aos que tivo que facer fronte e a marcha que, finalmente, tomaron os acontecementos. Analizarase tamén a súa relación con ambas as dúas linguas faladas no seu reino e tamén se debuxará o mapa lingüístico da Península Ibérica no século XIII, para logo centrarnos na produción afonsina en galego-portugués.

Reservarase unha particular atención ás Cantigas de Santa María, tanto no segundo día como no terceiro, estudando os seus Códices Ricos en edición facsimilar e analizando o seu contido porque, á marxe de ser literatura de carácter piadoso, o verdadeiro interese para un lector contemporáneo reside en que estes textos constitúen un variado mosaico da sociedade medieval, que axuda a coñecer mellor as xentes e os usos e costumes deste período.

bottom of page